25 dic 2012

Capitán Gosende visita á Veigha dos Muíños


O pasado domingo día 23 de decembro os membros de Capitán Gosende Carlos Solla, Pedro Peón, Nacho Grande e eu (Manuel Fortes) visitamos pola tarde a Veigha dos Muíños, na parroquia de San Xoán de Cerdedo, concello de Cerdedo.

Despois de primeiro tomarlle algo e botar unha parrafada, dirixímonos ata a Ponte Valoutas, sobre o río Lérez. Deixamos os coches alí perto, e a pé seguimos polo camiño que vai paralelo ao río pola súa marxe esquerda: vai o río vigoroso, con moita forza, crecido pola invernía (nas marxes apreciamos o nivel que acadou a enchente, provocada probablemente polas choivas asociadas á borrasca Nicki hai uns 10 días. O río botou por fóra uns dous metros aproximadamente por riba do nivel). O camiño é lamacento, con moita auga das choivas do inverno, e discorre baixo un xeitoso bosque de ribeira, espido, nu, sen follas que lle abriguen.. o camiñar é reparador, escoitando os paxaros e o río rumoroso cun estrondoso fluír.

Máis adiante o camiño chega á Veigha dos Muíños, e o que era bosque pasa a ser unha chaira extensa na beira do río, dunha cor verde vizosa, que lle da a herba dos seus prados. A Veigha dos Muíños aparece xa citada no Catastro de La Ensenada, do ano 1752. A Veigha dos Muíños agocha un tesouro prezado, un conxunto dunha media ducia de muíños de río na marxe esquerda do río Lérez, afastados da canle fluvial, que moían coa auga da presa de Porriñeiras: ordeados segundo a dirección da corrente son o muíño do Santés, o muíño dos Ranchelos, os muíños da Serra ou Serra de Rosende, o muíño de Figheiroa IV, o muíño dos Netos e o muíño do Coxo.
Comezamos a nosa visita á orde inversa, é dicir, polo muíño do Coxo. É un muíño de cubo, de paredes de cachotería, e cuberta a dúas aguas. É dunha moa.
Continuamos cara o muíño dos Netos, muíño de canle, con paredes de cachotería, cuberta a dúas augas con tella común. É dunha moa. Xa aparece consignado no Catastro de la Ensenada, de 1752.

Muiño dos Netos

A seguir os Muíños da Serra / Serra de Rosende. É un conxunto formado por muíño de dorna e aserradoiro hidráulico, de paredes de cachotería, e cuberta a dúas augas. Moian co "peso da auga". Actualmente é o que se atopa en peor estado de conservación, só quedan un par de paredes en pé e no seu interior medraron árbores e silveiras.
Visitaramos a Veigha dos Muíños co gallo do VI Roteiro Sarmento, organizado pola Asociación Ecoloxista e Cultural da Terra de Montes “Verbo Xido” aló por Decembro de 2007, hai 5 anos. É alucinante comprobar como nese espazo de tempo o estado de ruina avanzou: daquela puideramos acceder ao interior desta construción e ver o sistema de turbinas do muíño de dorna, unha tipoloxía de muíño de río das menos comúns, o pasado domingo as silveiras e o mato impediron tal visita. Unha verdadeira mágoa!
Cómpre dicir que o Roteiro Sarmento foi deseñado no ano 2002 para honrar a memoria do frade polo compañeiro Carlos Solla seguindo os lugares de Cerdedo que percorreu Frei Martiño Sarmiento nas súas visitas, e naquel ano celebrouse a primeira edición, co apoio de Verbo Xido. Neste ano 2012, que xa está a rematar estes días, celébranse pois os dez anos deste interesante itinerario cultural: Que sexan moitos anos máis!

Muíños da serra / Serra de Rosende

Seguindo presa de Porriñeiras arriba, está o muíño dos Ranchelos. Polo seu tamaño e tipo de construción, pequena, estreita e alongada, e de altura baixa, semella a vivenda dun hobbit. O muíño dos Ranchelos son dous muíños apegados, de paredes de cachotería, e cuberta a dúas augas, con tella plana. Cada muíño ten cadansúa moa. Son muíños de canle. Muíños de herdeiros de Cerdedo.

Muiño dos Ranchelos

Continuamos pola beira esquerda da presa ata chegar a un lugar fermosísimo, o comezo da presa de Porriñeiras, que colle a súa auga do río Lérez. O río flúe veloz neste punto e a frondosidade da vexetación é prodixiosa, todo nese lugar rezuma vida. Unha delicatessen para os sentidos.


Río Lérez: comezo da presa de Porriñeiras

Río Lérez

Desde alí desandamos o camiño, seguindo o curso da presa, para visitar o Muíño do Santés, construción de gran porte, polo tamaño equivale a unha casa xeitosa.

Muíño do Santés. 
Obsérvese o detalle dos maineis na parte superior das ventás.


É un muíño de dorna, con paredes de cachotería, cuberta a dúas augas, con tella común. De dúas moas, e rodicios-turbina de madeira. É muíño de maquía de Cerdedo. Ten inscritos na porta dous calvarios, un enriba doutro, e na xamba duhna ventá unha cruz. Este muíño aparece citado en Muíños de río nas terras de Pontevedra, de Ramiro Barros Justo (1997), con media ducia de ilustracións de gran calidade e precisión.

Cruz na xamba dunha ventá
do muíño do Santés


Actualmente da cuberta só quedan algunhas trabes podres, que tarde que logo cairán, e o mecanismo do muiño hai tempo que está no chan. Cumpriría a conservación polo sistema de ruína nobre, retirar as trabes da cuberta que fincan nas paredes e acabarán por tiralas, retirar tamén toda a materia orgánica e o mecanismo caído e apodrecido no tremiñado, e deixar o que se poida, como por exemplo as moas.

Muíño do Santés
e presa de Porriñeiras


Xa  no lusco e fusco, comezamos o camiño de volta á Ponte de Valoutas pola beira esquerda da presa, deixando á nosa dereita o muíño dos Ranchelos, que me agasallou con esta foto.

Muíño dos Ranchelos e presa de Porriñeiras

Máis adiante entrei no muíño de Figheiroa IV (denominación recollida de Cerdedo. Materiais para o estudio da freguesía de San Xoán de Cerdedo, de Carlos Solla). A destacar o tornalumes e a bufarda, que poden ver nas seguintes dúas fotos.

Tornalumes no interior do muíño de Figheiroa IV

Bufarda no muíño de Figheiroa IV

Este muíño tamén hai tempo que non moe, e a proba deste abandono é a seguinte foto, na que se aprecian anacos de tella caídos da cuberta, o taboado apodrecido da caixa da fariña, e penso que tamén a moa.

Interior do muíño de Figheiroa IV

De aquí xa non nos detivemos máis ata a Ponte Valoutas. Xa era noite, para mostra esta foto do río Lérez e as suas ribeiras. A xornada rematou cun refrixerio e parrafada no Meu Lar de Cerdedo, logo da que voltamos a Pontevedra en coche. Permanezcan atent@s ás novas aventuras de Capitán Gosende!!

Río Lérez

Nota: A información sobre o conxunto da Veigha dos Muiños está recollida en Cerdedo. Materiais para o estudo da freguesía de San Xoán de Cerdedo. Inventario xeral, de Calros Solla. Ensaio publicado no ano 2002 por Ediciones Cardeñoso

4 dic 2012

Se cañoto de moi aghirrara xaveca...


O meu avó paterno foi canteiro. Como moitos canteiros da Terra de Montes gañou a vida en moitos lugares, algúns fóra de esa comarca: entre os lugares nos que traballou está o monte do Seixo, na construción do muro do "pastizal".

O "pastizal" foi feito a mediados do século pasado nas brañas de Xestido, lugar do alto do monte, para levar pacer alí o gando das aldeas da contorna, mais foi un proxecto sen futuro antes de iniciado, pois os aldeanos ben sabían que era moita distancia entre as aldeas e o pasteiro porque o que o gando gañaba alimentándose no monte perdíao de camiño a casa. Por iso, pasado pouco tempo despois de ser creado, a xente deixou de utilizalo, pois non lle resultaba rendible. Para coutar o "pastizal" os canteiros da contorna levantaron un longo valo de pedra, disposto a pinchacarneiro, botando man do material pétreo que abonda neste monte.

Estes últimos dez anos, despois da instalación do parque eólico no Seixo, as pedras do muro do pasteiro veñen sendo expoliadas, cada vez máis aceleradamente e con total impunidade, por persoas que suben ao monte para leva-las e, por poñer un exemplo, emprega-las como decoración en xardíns, mentres a quen compete de velar pola súa conservación non fai nada, ou, o que é peor, fai a "vista gorda". O parque eólico tivo, ao permitir o acceso libre e sen control de vehículos, esta consecuencia negativa para o Seixo, e tamén outras, como o roubo do gando ou que alguén, se lle peta, poida ir ao alto do monte para cambiar o  aceite do seu coche. Cómpre regular esta situación e ademáis restaurar o muro do "pastizal".

Eu hai uns anos no muro do pasteiro, nun tramo ben conservado

Hai cousa de pouco máis dun mes, a piques de entrar no mes de Santos, voltei a subir ao monte do Seixo co compañeiro Carlos Solla nunha das súas visitas guiadas: xa van 2.142 persoas que visitaron esta montaña máxica na súa compañía. Longa vida á Cofradía da Montaña Máxica! Puidemos observar como no último ano desapareceu unha gran cantidade de pedras do valado, principalmente onde a pista principal do parque eólico vai á par deste, entre Chan de Mamas e o Almadraque de Pirocha.


No medio da foto apréciase un tramo onde o muro do pasteiro xa desapareceu

Mirando abraiado a desfeita, pensei no traballo que pasaron meu avó e outros canteiros para facer o muro e dixen para min: "Se o meu avó levantase a cabeza".. que no vervo xido, a fala secreta dos canteiros de Cerdedo, sería "Se cañoto de moi aghirrara xaveca".



Tramo do valo caído, con falta dunha parte das pedras


6 sept 2012

O Ollo de Boucigha

Penarredonda é un lugar do monte da Cavadosa (parroquia de San Xoan de Cerdedo), que forma parte do monte do Seixo, a "montaña máxica". É unha das trinta estacións míticas que o compañeiro Calros Solla recolleu na súa pescuda polas aldeas da contorna da montaña e en incontables xornadas de camiñada no propio monte. Situado na comarca de Terra de Montes, o monte do Seixo ten a súa superficie repartida por territorios dos concellos pontevedreses de Cerdedo, Forcarei, Cotobade, e A Lama, e do ourensán de Beariz.

Penarredonda é unha peneda que os veciños dos lugares de A Cavadosa e da parroquia de Santiago de Caroi (Cotobade) utilizaban como reloxo solar na súa vida cotiá. Cando o penedo central, co seu perfil en arco, estaba metade en sol, metade en sombra, eran as dez da mañá, momento para facer unha pequena pausa e tomar un taco, e cando quedaba totalmente iluminado polo sol, marcaba o mediodía, momento no que deixaban as tarefas agrícolas para voltar á casa e xantar. 


                                
Video extraído do documentario " O monte do Seixo. A montaña Máxica",
realizado por Serpe Bichoca, e cedido amablemente para este post.


Perto de Penarredonda hai un lugar coñecido como O Ollo de Boucigha, morada dun dos seres míticos do monte do Seixo. Segundo conta Benicio Fortes, do lugar da Cavadosa, informante de Carlos Solla, Boucigha é un anano olláparo sabido. Por unha ofrenda fala sobre o porvir. Hai que convocalo dicindo as seguintes palabras  "Boucigha, ves o ou vou", pois só atende a esa pregunta, e el contesta " Vou, pero tes me que dar a cambio tabaco". A xente seica lle consultaba sobre negocios importantes, como por exemplo a compra- venda de gando ou de leiras, ou tamén acodían a este oráculo mulleres casadeiras que querían saber se facían a escolla acaída para se casar.


Boucigha, segundo ilustración de Paco Sutil,
 incluída en "Almanaque de Encantos.Mitoloxía da Terra de Cerdedo",
"Monte do Seixo. Reivindicación da Montaña Máxica" e "Monte do Seixo. O santuario perdido dos celtas", 
publicacións de Calros Solla.


O pobo chama ollos de Boucigha a unhas pedriñas redondas, esburacadas, mesmo ocas, as máis delas castrexas fusaiolas. As ditas pedras fornecen a habelencia. O ollo de Boucigha é a pedra da sabedoría, polo que os estudantes e a xente de ciencia a teñen por potente talismán (Carlos Solla, "Monte do Seixo. O santuario perdido dos celtas").



Imaxe dunha fusaiola extraída da web do Museo de Vigo