O meu avó paterno foi canteiro. Como moitos canteiros da Terra de Montes gañou a vida en moitos lugares, algúns fóra de esa comarca: entre os lugares nos que traballou está o monte do Seixo, na construción do muro do "pastizal".
O "pastizal" foi feito a mediados do século pasado nas brañas de Xestido, lugar do alto do monte, para levar pacer alí o gando das aldeas da contorna, mais foi un proxecto sen futuro antes de iniciado, pois os aldeanos ben sabían que era moita distancia entre as aldeas e o pasteiro porque o que o gando gañaba alimentándose no monte perdíao de camiño a casa. Por iso, pasado pouco tempo despois de ser creado, a xente deixou de utilizalo, pois non lle resultaba rendible. Para coutar o "pastizal" os canteiros da contorna levantaron un longo valo de pedra, disposto a pinchacarneiro, botando man do material pétreo que abonda neste monte.
Estes últimos dez anos, despois da instalación do parque eólico no Seixo, as pedras do muro do pasteiro veñen sendo expoliadas, cada vez máis aceleradamente e con total impunidade, por persoas que suben ao monte para leva-las e, por poñer un exemplo, emprega-las como decoración en xardíns, mentres a quen compete de velar pola súa conservación non fai nada, ou, o que é peor, fai a "vista gorda". O parque eólico tivo, ao permitir o acceso libre e sen control de vehículos, esta consecuencia negativa para o Seixo, e tamén outras, como o roubo do gando ou que alguén, se lle peta, poida ir ao alto do monte para cambiar o aceite do seu coche. Cómpre regular esta situación e ademáis restaurar o muro do "pastizal".
Hai cousa de pouco máis dun mes, a piques de entrar no mes de Santos, voltei a subir ao monte do Seixo co compañeiro Carlos Solla nunha das súas visitas guiadas: xa van 2.142 persoas que visitaron esta montaña máxica na súa compañía. Longa vida á Cofradía da Montaña Máxica! Puidemos observar como no último ano desapareceu unha gran cantidade de pedras do valado, principalmente onde a pista principal do parque eólico vai á par deste, entre Chan de Mamas e o Almadraque de Pirocha.
| No medio da foto apréciase un tramo onde o muro do pasteiro xa desapareceu |
Mirando abraiado a desfeita, pensei no traballo que pasaron meu avó e outros canteiros para facer o muro e dixen para min: "Se o meu avó levantase a cabeza".. que no vervo xido, a fala secreta dos canteiros de Cerdedo, sería "Se cañoto de moi aghirrara xaveca".
| Tramo do valo caído, con falta dunha parte das pedras |

No hay comentarios:
Publicar un comentario