O pasado domingo día 23 de decembro os membros de Capitán Gosende Carlos Solla, Pedro Peón, Nacho Grande e eu (Manuel Fortes) visitamos pola tarde a Veigha dos Muíños, na parroquia de San Xoán de Cerdedo, concello de Cerdedo.
Despois de primeiro tomarlle algo e botar unha parrafada, dirixímonos ata a Ponte Valoutas, sobre o río Lérez. Deixamos os coches alí perto, e a pé seguimos polo camiño que vai paralelo ao río pola súa marxe esquerda: vai o río vigoroso, con moita forza, crecido pola invernía (nas marxes apreciamos o nivel que acadou a enchente, provocada probablemente polas choivas asociadas á borrasca Nicki hai uns 10 días. O río botou por fóra uns dous metros aproximadamente por riba do nivel). O camiño é lamacento, con moita auga das choivas do inverno, e discorre baixo un xeitoso bosque de ribeira, espido, nu, sen follas que lle abriguen.. o camiñar é reparador, escoitando os paxaros e o río rumoroso cun estrondoso fluír.
Máis adiante o camiño chega á Veigha dos Muíños, e o que era bosque pasa a ser unha chaira extensa na beira do río, dunha cor verde vizosa, que lle da a herba dos seus prados. A Veigha dos Muíños aparece xa citada no Catastro de La Ensenada, do ano 1752. A Veigha dos Muíños agocha un tesouro prezado, un conxunto dunha media ducia de muíños de río na marxe esquerda do río Lérez, afastados da canle fluvial, que moían coa auga da presa de Porriñeiras: ordeados segundo a dirección da corrente son o muíño do Santés, o muíño dos Ranchelos, os muíños da Serra ou Serra de Rosende, o muíño de Figheiroa IV, o muíño dos Netos e o muíño do Coxo.
Comezamos a nosa visita á orde inversa, é dicir, polo muíño do Coxo. É un muíño de cubo, de paredes de cachotería, e cuberta a dúas aguas. É dunha moa.
Continuamos cara o muíño dos Netos, muíño de canle, con paredes de cachotería, cuberta a dúas augas con tella común. É dunha moa. Xa aparece consignado no Catastro de la Ensenada, de 1752.
| Muiño dos Netos |
A seguir os Muíños da Serra / Serra de Rosende. É un conxunto formado por muíño de dorna e aserradoiro hidráulico, de paredes de cachotería, e cuberta a dúas augas. Moian co "peso da auga". Actualmente é o que se atopa en peor estado de conservación, só quedan un par de paredes en pé e no seu interior medraron árbores e silveiras.
Visitaramos a Veigha dos Muíños co gallo do VI Roteiro Sarmento, organizado pola Asociación Ecoloxista e Cultural da Terra de Montes “Verbo Xido” aló por Decembro de 2007, hai 5 anos. É alucinante comprobar como nese espazo de tempo o estado de ruina avanzou: daquela puideramos acceder ao interior desta construción e ver o sistema de turbinas do muíño de dorna, unha tipoloxía de muíño de río das menos comúns, o pasado domingo as silveiras e o mato impediron tal visita. Unha verdadeira mágoa!
Cómpre dicir que o Roteiro Sarmento foi deseñado no ano 2002 para honrar a memoria do frade polo compañeiro Carlos Solla seguindo os lugares de Cerdedo que percorreu Frei Martiño Sarmiento nas súas visitas, e naquel ano celebrouse a primeira edición, co apoio de Verbo Xido. Neste ano 2012, que xa está a rematar estes días, celébranse pois os dez anos deste interesante itinerario cultural: Que sexan moitos anos máis!
| Muíños da serra / Serra de Rosende |
Seguindo presa de Porriñeiras arriba, está o muíño dos Ranchelos. Polo seu tamaño e tipo de construción, pequena, estreita e alongada, e de altura baixa, semella a vivenda dun hobbit. O muíño dos Ranchelos son dous muíños apegados, de paredes de cachotería, e cuberta a dúas augas, con tella plana. Cada muíño ten cadansúa moa. Son muíños de canle. Muíños de herdeiros de Cerdedo.
| Muiño dos Ranchelos |
Continuamos pola beira esquerda da presa ata chegar a un lugar fermosísimo, o comezo da presa de Porriñeiras, que colle a súa auga do río Lérez. O río flúe veloz neste punto e a frondosidade da vexetación é prodixiosa, todo nese lugar rezuma vida. Unha delicatessen para os sentidos.
| Río Lérez: comezo da presa de Porriñeiras |
| Río Lérez |
Desde alí desandamos o camiño, seguindo o curso da presa, para visitar o Muíño do Santés, construción de gran porte, polo tamaño equivale a unha casa xeitosa.
É un muíño de dorna, con paredes de cachotería, cuberta a dúas augas, con tella común. De dúas moas, e rodicios-turbina de madeira. É muíño de maquía de Cerdedo. Ten inscritos na porta dous calvarios, un enriba doutro, e na xamba duhna ventá unha cruz. Este muíño aparece citado en Muíños de río nas terras de Pontevedra, de Ramiro Barros Justo (1997), con media ducia de ilustracións de gran calidade e precisión.
Actualmente da cuberta só quedan algunhas trabes podres, que tarde que logo cairán, e o mecanismo do muiño hai tempo que está no chan. Cumpriría a conservación polo sistema de ruína nobre, retirar as trabes da cuberta que fincan nas paredes e acabarán por tiralas, retirar tamén toda a materia orgánica e o mecanismo caído e apodrecido no tremiñado, e deixar o que se poida, como por exemplo as moas.
Xa no lusco e fusco, comezamos o camiño de volta á Ponte de Valoutas pola beira esquerda da presa, deixando á nosa dereita o muíño dos Ranchelos, que me agasallou con esta foto.
| Muíño dos Ranchelos e presa de Porriñeiras |
Máis adiante entrei no muíño de Figheiroa IV (denominación recollida de Cerdedo. Materiais para o estudio da freguesía de San Xoán de Cerdedo, de Carlos Solla). A destacar o tornalumes e a bufarda, que poden ver nas seguintes dúas fotos.
| Tornalumes no interior do muíño de Figheiroa IV |
| Bufarda no muíño de Figheiroa IV |
Este muíño tamén hai tempo que non moe, e a proba deste abandono é a seguinte foto, na que se aprecian anacos de tella caídos da cuberta, o taboado apodrecido da caixa da fariña, e penso que tamén a moa.
| Interior do muíño de Figheiroa IV |
De aquí xa non nos detivemos máis ata a Ponte Valoutas. Xa era noite, para mostra esta foto do río Lérez e as suas ribeiras. A xornada rematou cun refrixerio e parrafada no Meu Lar de Cerdedo, logo da que voltamos a Pontevedra en coche. Permanezcan atent@s ás novas aventuras de Capitán Gosende!!
| Río Lérez |
Nota: A información sobre o conxunto da Veigha dos Muiños está recollida en Cerdedo. Materiais para o estudo da freguesía de San Xoán de Cerdedo. Inventario xeral, de Calros Solla. Ensaio publicado no ano 2002 por Ediciones Cardeñoso


